pesquisa para o entendemento global _ research for global understanding

Institucional

Equipo

Eventos

Docencia

Publicacións

Investigación

Relacións Institucionais

Asteriskos on line

Asociarse

Ligazóns

Contacto

Xunta de Galicia. Presidencia. Secretaría Xeral de Comunicación. Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.

 

:: Eventos

 

Programados

 

23.Abril/2007 -Simpósio Internacional sobre Género e Relações Internacionais
Froito das relacións entre o Instituto e a Universidade Fernando Pessoa, estabelecidas a través do convenio entre ambas, o Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados e o Centro de Estudos das Minorias desta universidade portuguesa, veñen de convocar o Simpósio Internacional sobre Género e Relações Internacionais, a realizarse en abril deste ano, en Ponte de Lima (Portugal). Neste sentido, búscase crear un espazo de posta en común e discusión das perspectivas e investigacións das dúas entidades, aproveitando a oportunidade para debater, no ámbito académico e entre as nacións, as cuestións relevantes para a comprensión e análise da presenza das mulleres nos conflitos e, indo máis aló, nas relacións internacionais.

 

16, 17 e 18 Outubro/2007 - International Conference on Responsible Defence
A seguranza humana e a defensa foron sempre concebidas como dimensións esenciais da existencia. Moito ao noso pesar, finalizada a chamada Guerra Fría a natureza dos conflitos armados tomou novas formas alcanzado grados de deshumanización dificilmente imaxinábeis. Neste sentido, e considerando o actual ponto de redifinición de papeis de seguranza e defesa no espazo europeo e atlántico, resulta preciso estabelecer pontos de reflexión e debate, para afondar, desde unha óptica aberta, plural e multidisciplinar, no modo en que debe artellarse a defensa e seguranza colectiva nas nosas sociedades atendendo aos principios de solidariedade e sustentabilidade. Para chegar ao modelo que aquí denominaremos "Defensa Responsábel" resulta necesario examinar os papeis que veñen desenvolvendo e poden desenvolver os actores civis e militares desde unha óptica crítica e integradora, prestando especial atención aos novos retos (tales como emerxencias, crises humanitarias, desastres naturais, misións de paz,…) e desafíos (novas ameazas, marcos institucionais, a problemática da investigación, etc). É por iso que se convoca desde o Instituto o I Congreso Internacional sobre Defensa Responsábel, a celebrarse no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela entre o 16 e o 18 de outubro de 2007.

 

.: Mesas

- Que modelo(s) de defesa para a Europa?
- O futuro do espazo de seguranza e defensa europeo
- Defensa Responsábel e Cidadanía
- Novos reptos securitarios no espazo euroatlántico
- Sinerxias civis-militares no campo tecnolóxico e industrial

 

                        


25 e 26.Outubro/2007 - I Congreso Galego da Mocidade Investigadora
O Congreso Galego da Mocidade Investigadora preséntase como un espazo para o encontro entre os investigadores en formación, e aqueles que están nos seus primeiros anos de exercicio profesional, xunto con docentes, entidades relacionadas á pesquisa e outras institucións e colectivos sociais, para discutir, debater e aclarar a actual situación da investigación, do ensino superior, e os seus papeis na sociedade galega, así como as vías para unha profesionalización digna.
Procúrase tamén, a través deste foro, marcar unha cita anual na que se poida examinar o estado da investigación no país, da man dos seus actores principais, que deste xeito poderán expor, publicar e difundir os resultados do seu traballo, e fomentar, deste xeito, o uso da lingua galega neste ámbito.

 

.: Prazos

- Envío de comunicacións: até 30/06/07
- Publicación da lista de admitidos: 16/07/07
- Pagamento da taxa de inscrición: até 27/07/07
- Exposición oral da comunicación: 26-27/10/07
- Entrega de certificados e actas: 27/10/07

 

 

21.Novembro/2007 - I Xornada 'Mulleres entre armas'
Aproveitando o apoio do Club Internacional de Prensa, o Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados do IGESIP concretará unha xornada, a realizarse en 21 de novembro en Santiago de Compostela, cunha programación centrada na temática da Resolución 1325 e, por extensión, a presenza feminina en entornos bélicos. Así, o evento contará coa presenza das principais investigadoras do Estado español que teñen desenvolvido pescudas sobre o tema xunto cunha serie de convidadas do ámbito internacional, proporcionando, desta maneira, un ambiente de discusión, diálogo e actitudes para enfrontar tal asunto e as problemáticas que este suscitou e suscita non soamente no medio académico, como tamén na sociedade militar e civil en xeral. Tamén neste evento, o Observatorio pretende presentar a monografía Mulleres en conflito: presenzas e ausencias e o volume 4 da Revista Asteriskos.

 

24.Novembro/2007 - III Simposio de Outono 'Guerra e paz, nomes de muller'
Seguindo o acontecido xa nos dous anos anteriores, o Instituto, desta vez representado polo Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados, promoverá o III Simposio de Outono sobre Paz e Conflitos, a realizarse en Rianxo, 18 de novembro. Neste sentido, proporcionarase unha vez máis un espazo de discusión e concienciación respecto á Resolución 1325 do Consello de Seguranza das Nacións Unidas, ou sexa, a problemática xeral da figura feminina en ámbitos de guerra. Así, coa realización deste un día de evento, búscase fechar o ciclo do primeiro ano de creación do Observatorio, revendo criticamente os feitos e favorecendo o advento de novos proxectos e desafíos a seren enfrontados no decorrer do ano seguinte.

 

Exposición itinerante sobre a Resolución 1325 das Nacións Unidas
Un dos eixes de actividades propostas polo Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados é a organización dunha exposición itinerante centrada na temática da Resolución 1325 nas Nacións Unidas. Neste sentido, co obxectivo de difundir e de sensibilizar o público canto á cuestión abordada pola Resolución, a exposición busca, a través de aproximadamente 15 paneis que conteñan gráficos, textos explicativos, o texto da propia resolución e fotos, xa cedidas por diversas fotógrafas, expoñer experiencias e a situación actual das mulleres nos conflitos para, a partir diso, propoñer novas medidas e novas propostas que efectivamente colaboren na aplicación dos dereitos e das diversas actitudes que a Resolución 1325 presenta para unha mellor integración e recoñecemento da figura feminina neste ámbito.
Desta forma, constitúese unha exposición itinerante, programada para ser presentada nos campus das universidades galegas (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e na Vila de Rianxo, para o III Simposio de Outono), ademais de concellos portugueses como Ponte de Lima, pola Universidade Fernando Pessoa, e Porto e Lisboa, con Médicos do Mundo, debendo estar entre 15 días e un mes en cada un deles. Así, búscase vertebrar a difusión e a sensibilización deste documento –e dos seus motivos– a través do eixe galego-portugués, permitindo, da mesma forma, un espazo verbal de discusión, xa que se pretende, para cada inauguración, a realización de conferencias (nas aberturas), centradas nas temáticas que proxectan os paneis.



Realizados



08/03/07 - Presentación do Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados

Aproveitando a ocasión do Día Internacional da Muller, o Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz (IGESIP), presentou no Club Internacional de Prensa, ás 11:00, a súa máis recente iniciativa: o Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados, que desenvolverá unha serie de actividades de investigación e divulgación, estudando a presenza da muller nos conflitos armados e a súa participación nos procesos para a resolución e prevención dos mesmos.
O Observatorio, dirixido por Bárbara Kristensen, e integrado na Liga Internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade (entidade con status consultivo na UNESCO, UNICEF, UNCTAD e FAO, entre outras), conta cun amplo comité científico, formado por trinta investigadoras de recoñecido prestixio no ámbito internacional. Con este respaldo, este centro desenvolverá ao longo do ano un programa de actividades centradas no recoñecemento e análise da necesidade de que as mulleres tomen parte activa na toma de decisións nos procesos de prevención e resolución de conflitos, denunciando as inxustizas e o sufrimento ao que é sometido este sempre esquecido e infravalorado grupo poboacional en tempo de guerra.

 

                                          

 

03/12/06 - II Simposio de Outono sobre Paz e Conflitos
Seguindo o éxito da primeira edición do Simposio de Outono, o Instituto lanzou a convocatoria para unha segunda edición, celebrada baixo o título: Guerra e Paz no Pensamento Rianxeiro. Desta forma, pretendeuse non só homenaxear os literatos da vila mariñeira senón tamén trazar un percurso multidisciplinar sobre a incidencia e reflexo da paz e do conflito na sua obra. Fuxiuse ademais de que fosen apenas Castelao, Rafael Dieste e Manoel Antonio os únicos protagonistas, aínda que tamén recibirán a merecida atención; abordando outros autores con vinculación a Rianxo, como Paio Gomes Charinho, os Torrado, Evaristo Marcelo, Arcos Moldes, os Irmáns Insua, Roxerius ou Faustino Rey Romero. Sin descartar o tratamento doutros temas relacionados como a representación de armas e cenas de caza na insculturas rupestres, os sistemas defensivos castrexos ou a propia historiografía local. No evento participaron, como palestrantes convidados, o Profesor Axeitos (membro da Real Academia Galega), o Profesor Brea Rey, o Profesor Costa e, desde o IGESIP, Óscar Crespo Argibay, Bárbara Kristensen e Joám Evans Pim, Profesor na Universidade de Santiago de Compostela.

 

 

05-07/10/06 - I Congreso Internacional de Estudos Atlánticos

A aparición dos Estudos Atlánticos, tal e como desde esta institución se entende este campo de estudos, é relativamente recente tendo como orixe principal o mundo anglosaxón. Se ben existe unha multiplicidade de aproximacións (desde os Inuit do Ártico ata os escravos africanos do Brasil, desde as Highlands escocesas ata as illas do Caribe) e de denominacións posíbeis a maioría de iniciativas e centros de investigación fan da multidisciplinariedade, ou mesmamente de unha nova matriz disciplinar circumatlántica a súa principal liña de estudio, constituíndo foros de debate sobre cuestións históricas, económicas, culturais, literarias, lingüísticas e sociolóxicas entre outras, fomentando a comprensión e diálogo transcultural en un ámbito tan vasto e diverso como é o das dúas ribeiras de este grande Océano.
Desde esta perspectiva, Galiza pareceu ser un punto de observación e análise privilexiado, unha vez que mantén estreitas relacións con toda América, froito de sucesivas migracións, así como con Portugal e o resto do mundo Lusófono, eminentemente atlántico (Brasil, Cabo Verde, San Tomé e Príncipe, Angola, Guinea-Bissau). A propia experiencia galega facilitou a aproximación ao estudio dos movementos poblacionais transoceánicos, punto clave para a abordaxe non só da historia e cultura senón de outras áreas como a política internacional, economía, etc., do campo a estudar.
Levado a cabo en Rianxo, entre os días 5 e 7 de outubro, o congreso resultou un importante e pioneiro momento de reflexión, ademais de constituirse o instante en que se introduciu definitivamente os Estudos Atlánticos no país e ao mesmo tempo aproximou especialistas de todo o mundo alcanzando o necesario debate sobre as problemáticas e posibilidades de este campo de estudos.
Como resultado das comunicacións e conferencias presentadas, o Instituto xa ten, en dous volumes, as actas publicadas, coa portada especialmente elaborada polo pintor galego Mariano De Souza, dividida entre as temáticas das mesas que compuxeron a estrutura do congreso, a saber: Migracións Transatlánticas, Literaturas atlánticas comparadas, Historia e Estorias do Atlántico, Cooperación para o Desenvolvemento, Paz e Conflito no Mundo Atlántico. Debido ao éxito do I Congreso, acordouse celebrar unha segunda edición do evento, organizada polo Centro de Estudos de História do Atlântico, organismo autónomo vinculado á Secretaria Rexional de Turismo e Cultura do Goberno da Rexión Autónoma da Madeira. Ver Programa orixinal. Ver Cartaz

 

 

10-12/03/06 - I Congresso Luso-Galego de Estudos de Seguranza e da Paz
Froito dos encontros e colaboracións do Instituto con distintas entidades e persoas do país irmán, o que en principio nacera como Congreso Galego virou para se converter en unha xuntanza de ámbito transfronteirizo, o que desde logo non fixo máis que fornecer o mesmo con as aportacións de especialistas de universidades como a do Minho ou a Fernando Pessoa de indiscutíbel prestixio, así coma as que proviñeron de institucións de grande arraigo e importancia na outra beira do río como son o Instituto da Defesa Nacional e o Instituto Português de Relações Internacionais e Segurança. Sendo que da parte galega contouse xa non somente con os membros do Instituto, senón con a participación de membros da comunidade universitaria, Universidade de Santiago de Compostela, organismos de pesquisa como é o caso do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, así como a visión de persoas que levan a cabo parte das súas actuación a nivel de campo, nas propias áreas xeográficas que teñen padecido ou padecen unha situación insostíbel de ausencia de paz.
E neste eido que se pretendeu estudiar a complexa trama que de esto se deriva, botar á luz os estudos xa realizados e en preparación sobre a materia, facer unha descrición detallada das políticas que se están a implementar tanto no que concirne á obtención e mantemento da paz, como no eirado da seguranza, particularmente após do 11-S, introducindo un proceso de avaliación sobre a idoneidade das mesmas, así como facer unha prospectiva respecto á cuestión de cara onde deben virar no futuro en vistas a obter unha maior efectividade. En ligazón con o anterior tamén se quixo por de manifesto o traballo de campo de persoal cooperante nas zonas de conflito que sempre pode dar unha visión de primeira man, converténdose de este xeito na necesaria contraparte dos estudos máis teóricos e técnicos, sen esquecer en todo caso o que desde a ciencia se ten que dicir na construción de metodoloxías e modelos no que atinxe á resolución de conflitos e establecemento de unha paz duradeira. Os dous volumes resultantes poden consultarse no apartado de Publicacións. Ver Programa orixinal. Ver Cartaz

 

 

05/12/05 – I Simposio de Outono sobre Paz e Conflitos
O Instituto lanzou o I Simposio de Outono sobre Paz e Conflitos baixo o lema ‘Contributos para a comprensión’. No encontro, que se prolongou durante o día 5 de decembro, interviron 12 expertos nas áreas de estudos da paz e resolución de conflitos achegando comunicacións desde disciplinas tan diversas como as matemáticas, antropoloxía, historia, economía, ciencia política, filosofía, enxeñarías ou comunicación, con vistas a achegar estas problemáticas á cidadanía. O volume resultante deste evento pode descargase gratuitamente en Publicacións. Ver Programa orixinal




 

© Instituto Galego de Estudos de Seguranza Internacional e da Paz, 2006

 

 

Outros destaques:

.: Observatorio sobre Muller e Conflitos Armados.
Membro da Women's International League for Peace & Freedom
[>]


observatorio

.: I Congreso Galego da Mocidade Investigadora.
Santiago de Compostela, 25|26 de outubro de 2007
[>]

.: International Conference on Responsible Defence.
Santiago de Compostela, 16-18 de outubro de 2007
[>]

.: Sen matar é posíbel.
Cara unha nova ciencia política global. Glenn D. Paige. Descarga gratuíta
[>]

paige

.: Asteriskos.
Revista de Estudos Internacionais e da Paz. Vol. I (2006). Descarga gratuíta
[>]

asteriskos